Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies cerrar

    Canelacanela

    Terra e Alma

    Moisés Quintas Suárez

    LIBRO - CD

    GALEGO - CASTELLANO - ENGLISH

      fotos  | mercar          

      

    Con este primeiro volume titulado Terra e Alma, un proxecto de Moisés Quintas que conta coa colaboración de Carlos Valcárcel e o Consello da Cultura Galega, Editorial Canela inicia a nova colección “Aires da Terra”, na que pretendemos incluír recreacións da música popular tradicional onde, coma neste caso, os autores aporten a súa sensibilidade e o seu respecto por ela.

    A colección comeza cun senlleiro canto da nosa sociedade tradicional, un canto que non precisa doutro acompañamento máis que o propio ritmo da respiración, do corpo, do camiñar ou do traballo que exerce quen o entoa. Un canto caracterizado, entre outros elementos que explica o autor no libro, polo seu aire lento e moderado que nos transporta á inmensidade da terra cun son abrollado da propia alma, unha suave cadencia que nos leva polo noso interior cara a un lugar sublime; polo emprego dos melismas suscitados na emisión de varias notas sobre calquera vogal incluída na letra do cantar... Un canto que permite a improvisación e a recreación, o gozo ou, mesmamente, a inventiva efémera do cantor nese pequeno recullo ou na inmensidade onde se encontra consigo mesmo.

    En Terra e Alma conxúganse dous elementos esenciais da nosa vida, perfectamente concibidos e representados por Moisés, músico e mestre de músicos, ademais de profundo coñecedor da nosa tradición musical, que nesta obra nos achega a ese ar tan coñecido, e ao mesmo tempo tan descoñecido, que é o Alalá.

    Ademais, e como luxoso adobío, o fotógrafo Carlos Valcárcel aporta unha escolma de fermosas imaxes, inmortalizadas por el nas décadas dos anos 60, e 70 do século pasado, que poñen de manifesto o sentir da música escollida por Moisés. A través deses instantes pasados inseridos no papel é posible asistir á historia do pobo, a uns tempos que foron e que aínda se senten estar. Unhas imaxes nas que se revive con autenticidade e sen retoques a realidade da cultura popular tradicional, a dos oficios, os traballos, as paisaxes...

    O libro vai acompañado por un CD no que se recrean os alalás, adaptados a diversos instrumentos musicais que reproducen as melodías ou as harmonías e que son acompañados de diferentes ambientes sonoros naturais cedidos para esta ocasión polo Consello da Cultura Galega. No que abre o disco aparece tamén a voz, constituínte imprescindible dos alalás tradicionais, que os galegos utilizaban como exclusivo instrumento para a execución deste aire musical, como se pode apreciar no que pecha o CD, interpretado "a capella" no seu máis puro estilo popular. E, no anterior, quedará rexistrada para sempre a palabra da propia nai do autor, principal informante e referenza musical, tamén, do músico.

     

     

    FICHA: 

    Título: Terra e Alma

    Autor: QUINTAS SUÁREZ, Moisés

    Fotografías: VALCÁRCEL GAY, Carlos

    Edita: Editorial Canela

    Colección: Aires da Terra

    Editor: Quintana, Pablo

    Formato: 200 x 200 mm

    Nº de páxinas: 130

    Ilustracións: Con fotografías a cor e branco e negro

    Contido extra: 1 CD de regalo

    Encadernación: Rústica con lapela

    Peso: 454 g

    Lingua de publicación: Galego, castellano, english

    Montaxe de audio: Estudios Bruar

    Impresión: Galicia           

    Data de edición: Decembro de 2017

    Edición: 

    ISBN: 978-84-697-6654-5

    Depósito Legal: C 1640-2017

    PVP:  22 € (IVE incluído)